• Manuel Taboada e Ignacio Codesido presentaron esta mañá a proba e animaron aos afeccionados a descubrir as fermosas paisaxes dos dous concellos
• Terá un percorrido de 20 Km entre a área recreativa de Brandelos e o cruceiro da igrexa de Arca
• Aberto o prazo de inscrición ata o 30 de marzo
O Pino. 11-3-2022.- Os alcaldes de O Pino, Manuel Taboada, e Touro, Ignacio Codesido, presentaron esta mañá a primeira edición do Trail comarca do Ulla-Tambre que, cunha distancia aproximada de 20 quilómetros, se vai disputar o vindeiro domingo 3 de abril entre a área recreativa de Brandelos (Touro) e o cruceiro da igrexa de Arca (O Pino).
Os dous alcaldes animaron aos afeccionados ao atletismo e ao sendeirismo a participar neste primeiro trail conxunto que organizan os dous concellos, “unha proba que lles permitirá descubrir os fermosos paisaxes que temos no Pino e Touro”, indicou Manuel Taboada. Pola súa banda, Ignacio Codesido considerou esta iniciativa “como unha boa forma de pasar un domingo diferente, para gozar da paisaxe e non so competir”.
Iván Sanmartín e José Ramón Puga, técnicos de deportes do Pino e Touro, respectivamente, explicaron algunhas das características técnicas deste trail, cunha distancia aproximada de 20 quilómetros e un desnivel positivo de 750 metros (uns 1.450 metros de desnivel acumulado).
As persoas participantes deberán concentrarse na meta, situada no cruceiro da igrexa de Arca. Alí deberán recoller os seus dorsais e amosar o certificado covid. Despois serán trasladadas en autobús ata o punto de saída, na área recreativa Brandelos. Durante a carreira, os atletas pasarán pola senda da fervenza do Batán e o mirador do coto de San Sebastián (Touro), máis tarde subirán ata o mirador do Picón (O Pino) e baixarán ata Astrar ata chegar a meta no cruceiro da igrexa de Arca.
Categorías, inscrición e premios
Na proba establécense cinco categorías (sénior, máster 1, 2 e 3, e absoluta, tanto masculina como feminina). O prazo de inscrición estará aberto ata o 30 de marzo ás 23.59 horas na web de Carreiras Galegas, na que tamén se pode consultar o regulamento. O prezo da inscrición é de 12 euros.
Organizada pola Sociedade deportiva Compostela-Tambre-Lengüelle e baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo, a proba forma parte do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo.
A organización estableceu premios para os tres primeiros clasificados de cada categoría. Os gañadores absolutos, en categoría masculina e feminina, levarán trofe, un queixo e un vale para pasar unha noite (con almorzo) nunha casa de turismo rural da zona. Os 2º e 3º levarán trofeo e queixo. No resto de categoría haberá trofeo e queixo para os gañadores.
Tamén haberá recompensa para os tres primeiros clubes clasificados, que levarán os mesmos premios que os gañadores absolutos.
Premios: Gañadores absolutos masculino e feminina Trofeo, 1 queixo, 1 vale por unha noite con almorzo nunha casa de turismo rural da zona. Ao 2º e 3º (M-F), trofeo e queixo. Resto categorías: 1 queixo aos gañadores
Os 3 primeiros clubs clasificados: vale casa turismo rural e trofeo e queixo (1), e trofeo e queixo (2º e 3º).