Valeria Batire Guridi e Daniel Paz Pardo gañan o II Trail-cros comarca do Ulla-Tambre entre Touro e O Pino
-
Fixeron os 18 km de percorrido nun tempo de 2:05 horas e 1:28 horas
-
A andaina con saída na Carballeira de San Pedro (O Pino) tivo inicio ás 10:30 horas
O Pino. 23-4-2023.- Valeria Batire Guridi, do Club SD Compostela Atletismo (2:05:20) e Daniel Paz Pardo, do Club Deportivo Brión Hyupersa Santiago (1:28:13) foron os gañadores absolutos da segunda edición do Trail- Cros comarca Ulla-Tambre.
Ás dez da mañá o alcalde do Concello de Touro, Ignacio Codesido, deu o pistoletazo de saída á proba. O percorrido de dezaoito quilómetros iniciouse na área recreativa de Brandelos (Touro), percorrendo algunha das paisaxes máis fermosas dos municipios de Touro e O Pino, como a fervenza do Batán, o miradoiro de San Sebastián ou o alto do Picón.
Esta edición contou ademais cunha andaina na que participaron unha vintena de persoas que partiron da Carballeira de San Pedro (O Pino), ata a meta situada no Cruceiro de Arca O Pedrouzo (O Pino), mesmo lugar ao que chegaron os participantes do Trail-Cros.
Completaron o podio absoluto en categoría feminina María Isabel Camino Crego (2:05:20) do Club SD Compostela Atletismo e Sonia Sánchez Guerra (2:19:00) da Asociación BJ Running Team. En categoría masculina foron Abel Barros González (1:33:41) do Club Atletismo +9 Moraña e Xosé María Rodríguez Fernández (1:35:01) do Club SD Compostela Atletismo. Os resultados das restantes categorías poden consultarse na páxina de Carreiras Galegas: www.carreirasgalegas.com
Na categoría de equipos o Club Deportivo Brión Huypersa Santiago ocupou o primeiro posto (recibindo un trofeo e un premio económico de 150€), seguido do Club SD Compostela Atletismo (trofeo e premio de 100€) e do Club Atletismo O Pino (trofeo e premio de 75€).
Os/as tres primeiros/as clasificados/as de cada categoría recibiron un queixo elaborado por empresas da zona (Queixería Barral e Pazo do Queixo). Na categoría absoluta masculina e feminina recibiron tamén cadanseu trofeo. Os primeiros clasificados da categoría absoluta foron agasallados cun premio especial dunha cea/comida para dúas persoas no restaurante Acivro.
Nesta edición contamos a maiores cun premio especial, cea/comida para dúas persoas, para a primeira e o primeiro absoluta/o atleta local que foron Carmen Castro Cores e Jesús Beis Cabanas. Na entrega de trofeos participou o alcalde do Concello de Touro, Ignacio Codesido; Ignacio Seijo, director da SD Compostela Tambre Lengüelle; e Antonio Riveira responsable de seguridade viaria da proba deportiva.
Na meta, aos corredores/as agardáballes un avituallamento con auga, cervexa, froita, tartas de “Tarta la Abuela” e unha degustación de callos de “Casa Taboada”.