A Federación promove esta proba para sensibilizar sobre o dano cerebral adquirido e promover uns hábitos de vida saudable.
Santiago de Compostela | Lalín, 30/05/2022. A Carreira e Andaina Solidaria ‘Camiñando Polo Dano Cerebral’ volve en 2023 para dar continuidade ao labor que realiza a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) para a promoción duns hábitos de vida saudables -que pasan necesariamente por evitar o sedentarismo-, promovendo a organización de actividades deportivas para todas as idades.
Nesta ocasión a cita vai ser no quilómetro cero de Galicia, Lalín, o domingo 2 de xullo. A cita deportiva solidaria co colectivo do dano cerebral adquirido volve contar este ano coas modalidades de carreira e de andaina, e está aberta tanto a persoas adultas como a todas as categorías escolares. Unha vez máis, a proba deportiva de FEGADACE está inserida no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, onde se pode consultar o regulamento.
A inscrición está xa aberta en www.carreirasgalegas.org (poderá tramitarse ata o xoves 29 de xuño ás 23:59 hh.). No mesmo enderezo é posible realizar xa unha doazón ao Dorsal 0 , para aquelas persoas que non vaian poder asistir. O evento comeza ás 09:15 coa apertura das mesas de recollida de dorsais e o servizo de gardarroupa.
O lugar de saída e meta de todas as probas é a Praza de Galicia, fronte o edificio do Concello de Lalín. Alí mesmo estará situada a secretaría da competición, lugar da recollida de dorsais e agasallos. As persoas participantes poderán recoller o seu dorsal desde as 09:15 ata 15 minutos antes de cada proba. Na mesma área situarase o posto de entrega de avituallamento, sólido e líquido, que se ofrecerá a todas e todos os participantes ao seu paso por meta.
A Federación Galega de Dano Cerebral promove e organiza esta proba, contando coa colaboración da Sociedade Deportiva Compostela-Tambre-Lengüelle e do centro Encuentra tu Potencial , e co apoio da Federación Galega de Atletismo e do Concello de Lalín.