Select Page

Presentada en Lalín a II Carreira e Andaina Solidaria de FEGADACE ‘Camiñando polo Dano Cerebral’, que terá lugar o 2 de xullo

Tenente de alcalde en funcións, Paz Pérez Asorey, subliñou o interese do consistorio en sensibilizar á poboación para a prevención desta discapacidade.

Luciano Fernández, presidente de FEGADACE, detallou o programa de actividades do ciclo ‘Coñecendo o dano cerebral en Lalín’.

Santiago de Compostela | Lalín, 14/06/2022. Representantes do Concello de Lalín, de FEGADACE e do Centro ETP presentaron esta mañá en Lalín a II Carreira e Andaina Solidaria ‘Camiñando Polo Dano Cerebral’, así como o ciclo ‘Coñecendo o dano cerebral adquirido en Lalín’. Todas estas actividades enmárcanse no convenio de colaboración que une á Federación Galega de Dano Cerebral coa capital do Deza para a realización de actividades de sensibilización e prevención desta discapacidade.

O acto comezou co saúdo do concelleiro de Deportes en funcións, Avelino Souto Rozados, agradecendo a organización desta proba deportiva solidaria no seu concello. Complementouno a tenente de alcalde, tamén en funcións, Paz Pérez Asorey, quen aludiu ao devandito convenio de colaboración para subliñar o interese do Concello lalinés nas actividades de sensibilización sobre o dano cerebral co obxectivo de previr esta discapacidade entre a súa poboación.

II Carreira e Andaina #PoloDanoCerebral

A cita vai ser no quilómetro cero de Galicia, Lalín, o domingo 2 de xullo. A cita deportiva solidaria co colectivo do dano cerebral adquirido volve contar este ano coas modalidades de carreira e de andaina, e está aberta tanto a persoas adultas como a todas as categorías escolares. Unha vez máis, a proba deportiva de FEGADACE está inserida no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, onde se pode consultar o regulamento.

A inscrición está xa aberta en www.carreirasgalegas.com (poderá tramitarse ata o xoves 29 de xuño ás 23:59 hh.). No mesmo enderezo é posible realizar xa unha doazón ao Dorsal 0, para aquelas persoas que non vaian poder asistir. O evento comeza ás 09:15 coa apertura das mesas de recollida de dorsais e o servizo de gardarroupa.

O lugar de saída e meta de todas as probas é a Praza de Galicia, fronte o edificio do Concello de Lalín. Alí mesmo estará situada a secretaría da competición, lugar da recollida de dorsais e agasallos. As persoas participantes poderán recoller o seu dorsal desde as 09:15 ata 15 minutos antes de cada proba.

Na mesma área situarase o posto de entrega de avituallamento, sólido e líquido, que se ofrecerá a todas e todos os participantes ao seu paso por meta.

A Federación Galega de Dano Cerebral promove e organiza esta proba, contando coa colaboración da Sociedade Deportiva Compostela-Tambre-Lengüelle e do centro Encuentra tu Potencial, e co apoio da Federación Galega de Atletismo e do Concello de Lalín.

Pin It on Pinterest

Share This