Select Page

Aberta a inscripción da IV Media Maratón e 10KM do Camiño Inglés

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés organiza a cuarta edición da Media Maratón do Camiño Inglés o 5 de xullo entre Ordes e Oroso

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés organiza en colaboración coa Sociedade Deportiva Compostela Tambre Lengüelle o sábado 5 de xullo a cuarta edición da Media Maratón do Camiño Inglés, que contará con dúas probas para adultos. Por unha banda, a media maratón (21 km), que partirá ás 10:00 horas desde a Igrexa de Ardemil (Concello de Ordes), seguindo a ruta do Camiño Inglés. Haberá tamén unha proba de 10 quilómetros, que sairá ás 10:20 horas desde Ponte Pereira – Área de lecer de Os Carabelos (Concello de Ordes), seguindo igualmente o trazado do Camiño Inglés. Ambas as dúas probas terán a meta no Concello de Oroso, situada ao carón da Piscina Municipal de Sigüeiro.
Como en edicións anteriores tamén haberá dúas probas adicionais para a rapazada: un circuíto de 3 quilómetros para rapazas e rapaces de entre 14 a 17 anos en Oroso, e outro circuíto de 1,5 quilómetros para rapazas e rapaces de entre 10 a 13 anos.

Nas pasadas edicións participaron preto de 500 corredores. Esta iniciativa ofrece unha forma diferente de coñecer o Camiño Inglés, combinando deporte e patrimonio nunha experiencia lúdica e accesible. Ten lugar nun momento especialmente atractivo, ao permitir compartir o percorrido con peregrinos en pleno camiño, o que lle engade valor e autenticidade á vivencia.

As inscricións están abertas ata o 2 de xullo en www.carreirasgalegas.com.

Pin It on Pinterest

Share This